Deputación de Lugo

Concello de Ribadeo

Ribadeo eventos

A porta de Galicia

Estou planificando un evento

Ribadeo e a súa contorna

Un espazo por coñecer

O porto deportivo

O porto deportivo de Ribadeo está situado en Porcillán, o punto de orixe da vila, e conta actualmento con 800 socios/as e máis de 400 embarcacións. É un dos catro portos deportivos con Bandeira Azul que existen en Galiza, e o único da provincia de Lugo.

Xestionado polo Club Náutico Ribadeo, fundado en 1974, o porto foi incrementando notablemente os seus servizos e instalacións a partir dos anos noventa. Un crecemento que trouxo consigo unha aficción cada vez maior entre os/as ribadenses pola navegación, a vela e a pesca deportiva.

Foto: Joaquín Miláns del Bosch

Casco histórico de Ribadeo 

Ribadeo antigamente unha vila fortificada que aínda hoxe conserva parte da súa muralla medieval. Garda, no casco histórico, unhas das épocas de máximo esplendor, moi vinculado ao desenvolvemento do comercio.

Aquí construiron casas blasonadas os ricos fidalgos e comerciantes, que convivían con mariñeiros e artesáns. O Pazo Ibáñez (hoxe sede municipal), fachadas modernistas, a cosmopolita Torre dos Moreno, a antiga Aduana do porto, a Atalaia, conviven nun mesmo espazo e conforman un conxunto diversificado, que combina pazos urbanos con sinxelas construccións froito das súas relacións co mar. 

Foto: Joaquín Miláns del Bosch

Ribadeo indiano 

O legado cultural e a transformación urbanística de Ribadeo teñen moito co ver coa emigración. Os indianos que fixeran fortuna nas "Américas" e voltaban á súa vila natal, actuaban como filántropos construíndo escolas, prazas, parques e casas, traendo consigo unha arquitectura cosmopolita que inseriu de forma chamativa entre as casas tradicionais, para simbolizar o triunfo e o éxito. 

Este tipo de arquitectura está presente en todo o territorio de Ribadeo, con toda unha gama de estilo de etapas variadas: eclécticas, modernistas, historicistas e tradicionais. Temos bos exemplos dela nas parroquias de A Devesa e Rinlo, e tamén moi preto do corazón da vila, na Rúa San Roque, por onde recomendamos un paseo a pé. 

A Costa de Ribadeo 

Está formada por acantilados e areais, que se alternan sen acadar unha gran altura. Malia isto, o seu perfil quebrado dótaa dunha gran espectacularidade, avivada polas augas do Cantábrico. Este tipo de paisaxes, que alternan procesos de erosión e sedimentación, son espazos privilexiados para o desenvolvemento de hábitats específicos en mar e terra. Diversas especies herbáceas conforman aquí unha pradera natural que as separa dos espazos cultivados, e aílla os fráxiles ecosistemas dos acantalidos e a franxa intermareal. Grazas a súa riqueza natural, boa parte deste litoral pertence ao LIC "As Catedrais".

A Praia das Catedrais 

A acción do mar sobre os acantilados de xisto e lousa xerou neste lugar un relevo costeiro peculiar, declarado Monumento Natural de Galicia. A erosión foi dando lugar a covas, arcos e pórticos que lembran a arquitectura das grandes catedrais.
Esta praia é un ecosistema único integrado por algas, moluscos, aves mariñas e variedades vexetais. Xa en terra, dunas embrionarias e costeiras poboadas con especies herbáceas de colonización. A praia de Augas Santas –como tamén é coñecida – forma parte do LIC Praia das Catedrais, incluído na Rede Natura 2000, e que pode visitar na ruta das praias. 

Foto: Joaquín Miláns del Bosch

Rinlo 

Nun percorrido pola costa de Ribadeo atopáremos este pequeno recuncho de singular beleza. Aínda que se trata dunha parroquia de recente creación, Rinlo é un porto histórico de orixe medieval que naceu nun dos poucos entrantes propicios desta costa: a Enseada de Areosa. É porto tradicional de pesqueiros, e noutro tempo de baleeiros, e a súa confraría de pescadores está entre as máis antigas de España. Rinlo presenta un conxunto ateigado de casas mariñeiras en rúas estreitas, que as protexen dos ventos, rodeadas de hortas que delatan a condición de mariñeiros e campesiños dos seus veciños.

A ría de Ribadeo 

Enseada natural de transcendental importancia ecolóxica e medioambiental, escenario tamén de todo tipo de actividade naútica e deportiva. A ría de Ribadeo é o corazón da Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón, un dos estuarios máis importantes do norte peninsular desde o punto de vista ecolóxico. Formado pola desembocadura do río Eo no mar Cantábrico, a unión das augas doces e salgadas xera un rico ecosistema, do que se aproveita unha ampla gama de especies animais e vexetais. 

Foto: M. Gómez

Foto: M. Gómez

Un espazo de importancia ornitolóxica 

Ademais de diversas clases de mamíferos, reptiles ou antifibios, a nosa ría ten especial importancia por ser refuxio dunha gran cantidade de aves que viven ou se alimentan aqui, en periodos determinados do tempo ou durante todo o ano. No inverno convírtese nun lugar de parada para un gran número de aves do norte de Europa, que veñen en busca de climas máis cálidos para pasar a estación. Moitas delas empregan a ría coma un alto no que descansar e tomar forzas, antes de continuar a migración cara o sur (África ou sur da Península), mentres que outras moitas a escollen como o lugar de parada definitiva para pasar o inverno. 

O camiño norte a Santiago 

O camiño de comercio, cultura e peregrinación que conduce a Santiago de Compostela polo norte ten en Ribadeo un dos seus hitos sinalados. É a porta de entrada a Galicia, xa que as barcas que cruzaban a ría deixaban aos viaxeiros no peirao de Porcillán. Dende alí, o camiño cruza o casco histórico de Ribadeo, as parroquias de Ove, Covelas e Arante, até acadar o mosteiro de Lourenzá. En sucesivas xornadas, e atravesando Mondoñedo, Vilalba e Sobrado dos Monxes, empalma co camiño francés en Melide. 

adiante atras